É unha praia que desapareceu ao faceren as obras do actual porto de Miño. Estaba onde está hoxe o edificio da lonxa.
Na praia de Suseto xuntabámonos moitas nais e fillas polos anos setenta. Era unha praia moi familiar, protexida e tranquila.
Alí é onde eu aprendín a nadar cando tiña sete anos. Aprendín ao mesmo tempo que moitas amigas, e foi a nai da miña amiga Carmen quen nos ensinou.
Daquela viña case sempre a miña tía América coas amigas e as súas fillas. Os seus maridos, incluído o meu tío Manuel, tiñan ido traballar ao Gran Sol xunto con outros de Miño e Boebre. Sempre que miraba a bola do mundo pensaba no meu tío no medio do azul.
Imaxinábao cun traxe amarelo nunha grande lancha no medio da tempestade, xunto con outros homes e mulleres pescando peixes xigantes e facendo moitos arenques e latas de sardiñas en conserva.
As amigas da tía América viñan todas dende Perbes nun Chrysler que conducía ela mesma.
A tía América, que xa era maior, aínda lle tiña algo de medo ao mar, e coido que tamén aprendeu a nadar na praia de Suseto, como outra moita xente.
Ela sempre contaba que de pequena a xente non ía á praia a bañarse e tomar o sol como agora, e que antes os bañadores eran dunha soa peza, até os cincuenta non tiñan bikinis, e algunhas mulleres maiores ata se bañaban cun saco para tapar os seus corpos. Contaba moitas historias, e as miñas amigas mais eu pediámoslle máis e máis contos nesas tardes de verán na praia de Suseto.
interesante !
GústameGústame
Era Soseto. Nos años 60 ( sobre o 65) xa había bikinis. Había unha francesa chamada Michelle pionera en usar as duas pezas
GústameLiked by 1 person