O Erkoviche

erkovich-Wwb

Eu sóubeno polas veciñas, aí está saíndo non sei que na praia. Foi nunha mañá de outubro ou por aí, acórdome diso polas canas do maínzo.

O mar ía botando pouco a pouco as cousas, sacos, bidóns, non todas xuntas. Botounas por moitos sitios, por toda a costa, que non as botou aquí na praia só, en Perbes botounas tamén. Se che cadraba de estares pola praia e iso pois collías algo. Se estabas a tres quilómetros da praia era chegar e xa non había nada.

Nós viamos o barco fronte á praia aí ao lonxe, mais contaron que afundiu fronte á praia de Bastiagueiro.

Había fariña. Eu comín fariña daquela e era boa, branquiña, fina. Disque algúns pensaron que era pintura e pintaron con iso as paredes da casa, se cadra eran outros sacos.

Había manteiga, e mais había outras cousas, o xampú ese negro que dicían que era bo. Viñan unhas latas de cinco quilos, e outras pequenas de manteiga, leite en po, eu que sei, viña todo enteiro para facer as orellas!

En Perbes, na praia había que subir unhas escaleiras moi malas de subir, daquela en vez de andar para diante andaban para atrás as escaleiras.

Acórdome daquel día polas canas, que metera eu dous sacos debaixo das canas de maínzo. Vin tres sacos e gardeinos e dixen, bueno, á noite veño por eles. Pero vese que alguén estábame mirando e cando fun buscalos non quedaba nin un, xa mos roubaran.

A xente ía coas carretillas á praia. Os sacos viñan, traíanos as ondas, eran sacos que debían ser de cincuenta quilos, viñan flotando. O saco móllase pero móllase por arriba, despois ábrelo e está completamente seco. Moita xente remangábase até aquí para pillar as manteigas aquelas.

Era unha manteiga bárbara, porque meus irmáns estaban en Inglaterra, e despois cando viñeron no Nadal, viron as manteigas, e a xente aínda estaba bastante retraída que non quería comelas. A xente dicía a ver se están envelenadas ou calquera cousa, pero non, non pasou nada diso. Viñeron eles e dixeron, esta manteiga é fabulosa, é a mellor manteiga de Inglaterra, porque en Inglaterra hai moito leite e moita manteiga. E bueno, eu comina, e francamente era bárbara. Os demais tamén, que carretaron canto puideron.

Non morreu ninguén nin nada, e pasaron os carnavais barbarísimos cos freixós.

Logo soubemos que o Erkowit foi un barco que ía de Londres a Dakar, e que chocou con outro barco e acabou por afundir na costa da Coruña o venres 30 de outubro de 1970.

O que traía o Ercowit nas súas adegas, ademais doutros produtos comestibles, eran dez toneladas de bidóns dun pesticida tóxico denominado Dieldrin. As autoridades e os medios de comunicación propagaron a alerta, para evitar a venda e o consumo do que viña naqueles bidóns que chegaban ás praias.

O marisqueo e a pesca estiveron prohibidos na ría durante case todo un ano. A vertedura supuxo o fin de moitas bateas de mexillóns que ata a data poboaban as rías da Coruña, especialmente todas as que estaban por Bastiagueiro.

Imaxes do Erkowit:

erkowit-041

Erkowit+escorado

erkowit peq afunde

 

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s