O entroido

entroido

Eu desde que tiña seis anos que fun de farandulo, até fai pouco tempo.

Chamabámoslles farandulos ou vixigueiros, logo tamén chamábanlles choqueiros.

E ías disfrazada de cousas vellas, con roupa grande que atopabas polo faiado, cunha media ou con calquera cousa así pola cara, unha sobrecama por encima ou así, para que non te coñeceran e veña! e ala!, ías polas casas, e invitábanche a orellas ou filloas, ou dábanche de comer calquera cousa.

Eu sempre me gustaba un trapo, e pintábao eu, e poñíalle barba. Un trapo con dous furados. Prefería iso que a careta xa feita.

Era a cousa que máis me gustaba de todas as festas. Porque eu só con ver unha careta xa me ría a perna. A algúns xa lles coñecías polo andar ou pola maneira de moverse.

E aló ía, ás casas, e entraba pola porta amodiño mirando á xente, e entraba para a corte e polo corredor, e entraba até a cociña, e miráballes na pota a ver que tiñan.

Había unha tenducha aí en Bañobre, un bar pequeno, e había non sei cantas copas na barra e uns señores fumando puros, e eu entrei amodo e sen que se deran conta quiteilles unha copa, e fun diante deles e bebina en dous tragos.

Oíches?, ao meu pai entráronlle ás cuadras unha vez e non sei como foi que lle levaron as vacas, no entroido.

Pai, pai que che levan as vacas!

Deixa, xa as meterán, xa virán. E fora un amigo de meu pai.

Logo había un veciño que sempre se disfrazaba, e viña como pedindo, e xuntaba…! sabe dios o que xuntaba. Non me da unha limosniña, ai dios mío, que non teño! dicía. E apañaba espigas de maínzo, e apañaba…, e eu que sei o que aquel home apañaba. Sempre se disfrazaba, dáballe gusto e tiña moita graza. Nun entroido andaba cun señor que era alto e forte, e levaba unha sobrecama por encima, e andaban o un co outro, e dicíalle veña!, e este bailaba e fumaba, e botaba fume e máis fume, e tiña tres ou catro pitillos na boca.

En Perbes, no entroido, Horacio escribía coplillas e historias. E Feal tamén, naqueles tempos. Unha vez Horacio fixo unha dun gato que lle sacou o ollo a un can dunha veciña, que moito barullo armou. Foi unha cantinela bárbara. Escribía sainetes, ou sátiras da vida da parroquia e no entroido recitábaas ou cantabámolas polas rúas ou cando nos xuntabamos. Facíaas de calquera trafulca ou anécdota das veciñas, era un xeito de botar para fóra os conflitos que houbera.

Estaban escritas a máquina, porque era a máquina. Eu aínda fai pouco que tiña unha sátira desas na casa. Chamabámoslles as historias de antes. Historias de carnavais.

Polo entroido, a asociación de Xarío facía un baile no local social, e viña cantidade de xente. Nós case sempre levabamos o primeiro premio. Disfrazabámonos todas en grupo.

Mira, un ano fomos de Gadis, outro fomos de Fantas, de Fanta Naranja, outro ano de Sargadelos, que me deran as bolsas en Pontedeume, en Molares. E fomos de Eroski. Todas fixemos das bolsas vestidos. De Fanta coas etiquetas todas das botellas, cosiamos as etiquetas de plástico. E as bolsas de Eroski igual, iamos poñendo así unha e outra e cosiámolas. Ás que foran de Gadis coido que lles dera algo Gadis por levaren publicidade.

Do das bolsas e iso xa fará dez ou doce anos. Logo fomos de regalo. E de velliñas. Doutra vez nós iamos de carniceiras que levabamos un mandil de branco, e outras facían de vaca. E outra vez iamos coa froitería tamén. E fomos de pastas, pastas Gallo. E aínda fomos de máis cousas. Até despedimos a peseta que fomos de euros e mais de pesetas.

E cando era o enterro do entroido, iamos pola parroquia todas. E despois iamos sempre cear. Témolo pasado moi ben moi ben. Tres xeracións disfrazadas.

Eu teño ido coller os grelos e vendelos en Pontedeume para comprar un disfraz e todo, mira ti, e facíanme falta os cartos para outra cousa.

Dunha vez disfrazámonos para ir ao entroido de Pontedeume. Fixemos viraventos coas follas de plástico dos almanaques, coas que son de plástico. Iamos disfrazados e vendiámolos para sacar cartos para a gasolina ou para o tabaco que fumabamos, que sacamos máis de duascentas ou catrocentas pesetas, e despois fomos para Sada para a discoteca.

Levabamos un chisme de falar ao lombo, e as baterías dun coche para facer soar o micro. Se venden colchones, señores!! diciamos, ou calquera outra carallada que se nos ocorría.

Compramos un acordeón, aínda. O Broches aprendeu a tocar algo. Tocabamos os pajaritos e outras así que inventaban. Acordo do Broches tocando o acordeón, que subiu ao palco no descanso da orquestra, e eu subinme con el e tocaba as maracas, cun vestido que desfixen o velo da voda para facer un vestido de carnaval. Dicíame a filla, mamá estás máis guapa de entroido que cando andas por aí. É certo, porque no carnaval gustábame ir sempre ben posta.

Faciamos festa e xuntabámonos toda a cuadrilla. Aínda ben que agora estamos contándoo e revivíndoo.

 

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s