Un pino máis

un-pino-mais-WEB

Cando eu era cativa vivíase do terreo, do que se traballaba. Cando facían falta cartos para pagar a contribución, pois pagábase vendendo unha cría dun animal, madeira dun monte, ou desas cousas, porque outros cartos non había.

Vai vir o tempo de pagar a contribución e aínda a cuxa non está lista para vender…

Había xente que cando chegaba a hora, ía ao monte e cortaba algunhas árbores.

Eu era unha rapaza, dezaseis anos ou dezasete tería, e dicíame papá, vamos ir ao monte do Coto, vamos cortar uns poucos pinos.

Ía eu co meu pai, que meu irmán diso non sabía nada. El foise estudar, e traballou fóra, e aprendeu agora de maior a cortar os pinos.

Alá iamos. Arredor do pino, había que limpar antes, e logo, levaba un saco para min, para poñerme de rodillas encima do saco e tirar pola serra. E el tiraba por un lado e eu polo outro, rá, rá, rá, rá, e así. Era cun tronzón, unha serra de man. Non era soamente tirar o pino, había que cortalos a dous cincuenta, que era a medida das toradas.

Iamos hoxe, e non acababamos, que había que volver mañá. Habíaos que cargar no carro, no carro cargábaos el, e levalos á Casilla, e despois pasaba Cervera, que era o chófer de Mendaña e vivía en Miño, e pola mañá, de paso que ía para Campolongo, xa collía os pinos na Casilla, para levalos para o Serradoiro de Mendaña.

E dicíame el, isto si que sempre mo dicía, oíches? imos cortar un pino máis para comprares o que queiras.

E cortabamos aquel último pino, e dicía meu pai, agora, vamos a Betanzos, ou vai ti, e miras un abrigo ou unha gabardina no comercio dos Deibes. Sempre tiña ese cariño comigo.

 

 

 

 

Advertisements