Froiteiras boas

Lembro moi ben unhas árbores de xaponeses que había baixando para a praia da Ribeira. Todas as persoas que pasaban por baixo comían un xaponés, porque estaban riquísimos.

Insua era o sitio das cereixas, había moitas e moi boas.

Onde está a Taína, era un pazo, unha casa señorial, pois aí tiñan unhas peras de manteca boísimas. As de Carantoña, na escola, no recreo, iamos aos caquis e ás mazás dos Echevarría. E logo, cando eu andaba na costura, a mediodía, cando a xente descansaba, iamos aos xaponeses, tamén na horta dos Echevarría. Unha vez, miña prima, que era máis trepadora ca min, subiu ao xaponeseiro e púxose a coller os xaponeses, e eu embaixo aguantáballe deles. E nisto, sentimos vir pola horta a alguén, neniña, aí vén xente, e era o veciño, que tamén viña coma nós, apañar uns poucos.

A froita agora non se garda como antes. Antes tiñamos moito coidado dela, tiñamos mazás todo o inverno.

O meu tataravó, despois das súas barcas, o seu pasatempo preferido era enxertar árbores froiteiras. Tivo unha pereira enxertada por el, que daba cinco clases diferentes de peras.

Aí, na leira, aínda temos unha pereira urraca moi vella, que papá trouxera os enxertos de Doroña, da casa de onde foi mamá. Dixen eu, haina que cortar. Déixaa, que é un recordo, díxome miña irmá. Pero xa é moi vella e pouco vai durar, hai que sacarlle un enxerto, pero eu non sei facelo. As árbores que compras agora igual prenden moi ben, pero botan uns anos e xa secan.

Aínda temos maceiras, destes perucos de inverno, aínda hai perucos ata non sei cando, son enxertados, eh. E tamén temos unha laranxeira boa, vai un pouco vella. Foi enxertada dunha variedade de Valencia e dá moitas laranxas boas, moi doces e con moito zume.

Lembro cando meu pai viña da feira de Betanzos. Esperabámolo na vía, e cando baixaba do tren, se viamos unha bolsa de laranxas nunha rede, para nós era unha festa moi grande. Eran laranxas sanguiñas, que cando viñan naquela rede, viñan mesturadas unhas coas outras. Hoxe hai viño!, diciamos.

 

 

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s