No inverno, iamos aos congros e aos meros, e a partires de xullo, moita xente iamos ao patexo. Cargabamos carros de patexo para botar nas fincas. Iamos á Ribeira cos carros a collelo. A xente viña por el de Andrade e mais doutros sitios. Tamén o vendían na Coruña, para facer fariñas e mais pensos para os animais.
Os de Miño iamos ao patexo, co bou e pola noite.
En Bañobre, había dúas ou tres lanchas que ían ao patexo, e ese patexo era para abonar as leiras. Era bárbaro, non había cousa como el. Daba un trigo!, non botaba unha herba. Cando o botabas, viñan as gaivotas, e había que estar na leira, coidándoo. Aínda lembro como viñan as gaivotas comer nel, ai! e tiñamos que espantalas para que non o comesen. E como ulía! Nos 70, prohibiuse ir ao patexo nas praias.