No apeadoiro de Perbes

Polo ano 1968, eu ía á escola ao colexio público de Perbes e San Xoán. Sempre andabamos nenos e nenas xuntos, pero na escola estabamos separados en habitacións diferentes, os nenos nunha e nós, as nenas, noutra. Compartiamos aulas as cativas de diferentes idades.

Coa escola de Perbes fomos de excursión á Leyma, ao Aeroporto da Coruña, e á Coca Cola. Aínda que agora pareza pouca cousa, daquela parecíanos como visitar outro planeta. A nós gustábanos ir de excursión á chaira que houbo onde hoxe está a Casa do Barco e o cruce de Fadesa. Daquela, estaban alí paradas as máquinas mentres se acababa de negociar por onde ía pasar a carreteira da praia Grande. Todo eran leiras e monte. A casa de Pepe do Lobo, así lle chamaban, era a única que había aí por enriba daquela chaira.

Todas as familias tiñamos hortas, traballábanse moito, e dábase de todo, especialmente froita. Plantabamos un pouco de máis, e tiñamos para comer na casa e para vender en Pontedeume. Levabamos as paxetas cargadas con froita, patacas, nabizas, con aquilo que tivésemos para vender en cada tempada. Iamos andando por onde hoxe está o Mesón Paz, en Campolongo. Colliamos a seguinte baixada á esquerda, e baixabamos no Barro, ata saír no empedrado, en Pontedeume. Alí había uns gardas aos que, para pasar, había que pagarlles polo que levabamos para vender. Era a alcabela. Iamos ben cedo, e cando chegabamos, deixabamos a paxeta e aínda volviamos á casa para levar outra, e logo entrar coas dúas.

Ata os anos 70, en Perbes todas as casas vivían da agricultura, do que cultivaban. Cada casa tiña unha ou dúas vacas, e criaba algunhas galiñas. Sempre había xente polas leiras. Atopabas xente por calquera camiño, falando, traballando a terra, ou facendo calquera actividade. A xente tiña todo moi arranxadiño, as árbores, os camiños, as beiras dos ríos. Todo estaba cheo de vida, polo que nunca andabas só e sempre atopabas a alguén foras onde foras.

A xente pescaba para a casa. Daquela non había refrixerador, e para conservar as fanecas, limpábanas e salgábanas, e abertas, pendurábanas pola cabeza dunha vara debaixo do hórreo.

Nos 70, moitas persoas de Perbes, sobre todo homes, foron para Astano a traballar. Algúns poucos, a Bazán. O tren obreiro pasaba sobre as cinco da madrugada. Ás sete, había outro tren para ir estudar a Betanzos ou a Coruña. Daquela, o Bar Galicia abría a tenda para os que colliamos este tren. Lembro moitas mañás, apurando o café e baixando até a plataforma con algunhas veciñas. Escoitabamos os sons da máquina achegándose, ata que viamos aparecer o frontal de ferro.

Daquela, as vías arranxábanse a ma, e moitas veces viña xente de fóra traballar. Tres ou catro familias viñeron vivir a Perbes para traballar na Renfe. De Monforte, Oza dos Ríos, e de Visantoña.

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s