As catro esquinas do pano

cereixas-WEB

As de Bañobre iamos vender a froita a Pontedeume. Claudias, cirolas, oíches?, esa froita aínda tiña unha fariña por fóra que criaba, e non llela tiñas que quitar, tiñas que tratar a froita amodiño, non sabes?

Saiamos ás tres ou catro da mañá, moi cedo, para andar tres horas. Levabamos a froita nas paxetas. Iamos vender para traer algunha cousa para casa que había que comprar, e viñas cargada outra vez, ao mellor con sal, aceite, con cousas así.

En Campolongo, antes de baixares a costa cara Pontedeume, había que pagar a alcabela se levabas algo a vender, patacas, cebolas e moita froita. Aí había un fulano, pero moitas veces, faciamos trampa e iamos por atrás para non pagar. Era así.

Unha vez, indo polos carreiros, unha andaba falando e falando e non pisou ben, e caeu con todo, levantouse e dixo, ai agora como o hei de vender?! E foi a primeira que vendeu.

As de Callobre iamos vender a froita a Betanzos. Saiamos ás catro da mañá. Máis froita que nada. Cereixas, ameixas, peras. Acabábase a froita e viñan as patacas, os chícharos, o maínzo. Subiamos por Velouzás e levabamos os fachuzos de palla. E despois, polos camiños, se aínda fosen como os de hoxe, pero iamos subindo polos pasadoiros. Unha vez, caín, e chovía, e levaba unha paxeta de cereixas enormes. Caín, esvarei, naquela que había os penedos ao aire, e e as cestas levabámolas tapadas cun pano, e segundo caín, foise a cesta e quedaron as cereixas encima do pano. Entre dúas, collemos as catro esquinas do pano, con moito coidado, e botámolo na paxeta e seguimos para Betanzos. Outra vez, miña cuñada caeu deitada de todo e quedou coa paxeta así nas mans, non caeu nin a primeira cereixa. Levabamos todo ben arranxadiño nas paxetas, e chegabas á alcabela. Houbo quen quitou as zocas, e púxoas derriba da paxeta, pasou descalza para que non lle sentira o alcabeleiro. Pero chegou alí mesmo, e caéronlle as zocas. Aínda tivo sorte que o fulano non despertou, e moi amodiño colleu as zocas e pasou.

Iamos á festa a Velouzás, e xa viñamos da festa e tíñannos a paxeta preparada para ir para Betanzos, sen durmir. E chegar á casa e despois traballar.

Unha vez fomos María e mais eu. Iamos soas, polo río abaixo, e tiñamos que levar zocas, ata pasares un cacho, e alí ceibabámolas para arriba. Ao botalas para o prado, para arriba, escaparon paxaros, e eu mais María abrazámonos, pois pensamos que era outra cousa.

Unha señora que vivía aí arriba, xa morreu, resulta que ía sempre a Betanzos coa froita. Ela non debeu mirar ben para o reloxo e despistouse. Dixo, bueno, a ver se collo ás de Vigo. Iso sentinlle eu o conto a ela. Chegou a Vigo, non as veu, e pensou, xa deben de ir aló, e pasa Velouzás e aínda era noite en San Martiño, e non veu a ninguén polo camiño. E mira se foi cedo, que era de aí, de Barbeita, pasou dúas aldeas ela soa, chegou a San Martiño e aínda non era día.

Mira a que hora se levantou esa muller, dúas parroquias! Ía con tantas ansias de encontrar ás outras, e despois xa non se podía volver atrás.

 

 

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s