Meterse no mar e voar

baños-WEB

Miña nai, dende que tivo ao meu irmán, chovera que nevara, levaba ao neno ao mar e metíao na auga.

Antes, non se ía á praia como agora. Ás persoas maiores gustáballes ir bañarse, que dicían que era moi bo, e ían á noitiña. Os máis pequenos e as máis pequenas ían coas vellas, e bañábanse sen nada, en pelotas. E as vellas, ao revés, todas de túnica, que facían túnicas e cando se metían na auga, voaban!

Nos 60 ou antes, xa iamos á praia como agora. Daquela, os bañadores, as bragas, os suxeitadores, faciámolos na casa. Acordo tamén bañarnos coa faixa e coa combinación.

En agosto viñan os veraneantes, familias de fóra, e no mes de setembro, viñan tomar o baño xente máis ben maior, as bañeiras. Cando viñan, dicían, aí veñen as bañeiras. Viñan de por aí arriba, de Ourense e así. Arrendabamos a casa, e durmíamos igual nunha bodega.

Cando volviamos de segar o trigo, xa de noite, iamos bañarnos. Por non te bañar nunha tina, iamos bañarnos á praia de Andaío, en Perbes, porque, ¿quen se deitaba suando, chea de po e de todo? E daquela, non había auga na casa, que tiñamos que ir buscala coa sella, coa sella na cabeza.

De Bañobre, iamos para os pozos na desembocadura do río, na praia Grande. Aí, naqueles pozos, aprendías ben a nadar. Miña nai dicía, eu cheguei a nadar, pero dende aquí ata alí.

Miña nai non se bañaba, meu pai non se bañaba. Así que me tiraban dende o muro e tiven que aprender a nadar por min mesma.

As de Xarío, iamos á praia de Marín, en Perbes. Que che conte túa tía, as veces que nos rodaron as ondas! Iamos cunha marusía bárbara a bañarnos, e as ondas, tan fortes, tirábannos unha e outra vez, que case non nos daba tempo a levantarnos, e nós veña a rir. Logo, os días máis tranquilos, aprendemos a nadar a esta altura, de aquí ao solo.

Nos anos 60 e 70, as de Miño, iamos á praia de Suseto. Iamos ao peirao a tirarnos alí. Eramos mozas, e xogabamos a meter caladas. Viñan, collíante, e tirábante á auga. E nós abrazabámonos ás árbores para que non nos tirasen. Era mellor chegar e tirarse, porque se non!

E xa polos 80, iamos bañarnos á praia Grande, onde está a ponte. Moitas aprenderon a nadar aí. Era moi típico, tirábante ao río e había que nadar. Nadabas ou nadabas, que non había ninguén para recollerte. Non levabamos merenda ningunha á praia, non como agora, que lles das o maletín coa merenda, a auga, e a froita. Se acaso, collías unha froita dalgunha árbore polo camiño. Eu ía soamente coa toalla, coa toalla, se a levabas!

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s