memoria viva

Como era a vida da xente antiga? Que nos contan as nosas avoas? Que lembran as nosas avoas que lles contaban as súas?

Cales son as lembranzas dos cativos e cativas?  Que cousas lles impactaron no seu pequeno periodo de vida? Cales serán os seus recordos e historias?

Como foi cambiando a vida en Miño? Que impacto tiveron eses cambios sobre o territorio e as persoas que o habitan?

memoria

Historias de Miño 

Este arquivo de memoria nace da necesidade de activar un proxecto de cultura de base.

Dende a Alcaldía do Concello e dende a asociación RuralC quixemos activar un proceso no que a veciñanza fose a protagonista. O obxectivo foi poñer no centro da cultura ás persoas veciñas e as súas vidas, e compartir un proceso creativo e un resultado común.

O proceso consiste en ir compilando historias, agrupándoas, editándoas e publicándoas nun libro, nunha web e nunha cartografía. Facendo logo unha presentación pública na que convidamos á veciñanza para compartir os resultados.

As historias foron recollidas en todas as parroquias do concello de Miño entre setembro de 2017 e decembro de 2018, a partires de derivas, visitas e conversas polas casas, rueiros e centros sociais.

Moitas das historias foron contadas e recollidas en encontros e conversas nas que participaron diversos grupos de persoas, como a asociación de Amas de Casa de Miño, a asociación de veciños A Irmandade, de Bemantes, e os grupos de memoria que se reúnen nos locais sociais de Bañobre, Leiro, Callobre, Carantoña e Xarío, onde nos xuntamos con persoas de San Xoán de Vilanova e de San Pedro de Perbes.

Tamén participaron na escritura e recollida dalgunhas destas historias o alumnado da clase de Historia de 4º da ESO do CPI Castro Baxoi, durante o curso 2017/18.

Historias de Miño é un arquivo de memoria do concello, construído arredor do non catalogado, arredor do patrimonio inmaterial que imprime vida ao patrimonio material. Son as intrahistorias que van conformando a identidade e o carácter deste concello. A vida que serve de fondo permanente á historia cambiante e visible. É un retrato social. Son relatos feitos a partir da xenerosidade de moitísimas persoas veciñas que compartiron con nós as súas vivencias, anécdotas e recordos. Moitas destas historias son historias comúns, vivencias compartidas, e foron contadas por varias persoas. E así están publicadas, dende un anonimato común.

Podemos atopar relatos sobre a cultura, o patrimonio etnográfico, antropolóxico e natural, as praias, a ría, o mar. Sobre o xeito de vivir da xente antigamente, os hábitos, os oficios e os traballos, as crenzas, os animais e os cambios sociais e tecnolóxicos.

As historias que presentamos son soamente algunhas das que hai, son fragmentos das vidas, e probablemente estean incompletas.

Falamos de memoria viva porque o proxecto compila a memoria das diferentes xeracións. Prestamos especial atención ás persoas máis maiores, que poden lembrar historias dos seus avós e das súas avoas, de antepasados e antepasadas, mais prestamos atención a todas as idades, tamén ás persoas máis pequenas que agora están a construír a súa memoria, as súas historias, as que serán as futuras Historias de Miño.

O arquivo sitúa e contextualiza nun MAPA o patrimonio histórico, dende o experiencial e o emocional, dende as diversas subxectividades, cara a unha subxectividade común.

Podemos atopar relatos sobre o patrimonio natural, os hábitos, os oficios e técnicas, ás lendas, e os cambios sociais e tecnolóxicos, entre outros temas.

Este arquivo nace coa vontade de ir ampliándose de cara ao futuro, construíndo a memoria común do concello dun xeito participativo.

Historias de Miño é un arquivo coproducido pola Asociación RuralC e o Concello de Miño.

Os relatos foron escritos por Vanesa Castro e Iñaki López

Ilustracións por Iñaki López.

As imaxes antigas foron cedidas polo Concello de Miño

Textos baixo licencia CC BY-NC 3.0

 

LOGO CONCELLO                      cabecera+web+ruralc

 

Na prensa:

 

 

Advertisements