Co boliche, collían de todo. Parrochas, xurelos, sardiñas, xibas, linguados, bocartes, e máis tipos de peixe.
A Marín, viña no inverno o boliche, era eu unha nena pequena e levaba un garrucho, un cesto con asas, e mais levaba un saco por se chovía. E daquela, había un barco que estaba máis a fóra, botaban as vetas, facían un cerco, e despois a xente dende esta praia tiraba polas cordas, e viñan arrastrando, para aquí, pero non a sacaban para fóra de todo. Eu tiraba tamén, coma todos. Facían falta vinte persoas para tirar de cada un.
Despois dábanme medio garrucho, ou o que fora, de bocarte. Daquela era bocarte, que non era parrocha, nin nada.
Cando chegaba o boliche á praia Grande, ían moitos veciños traballar alí. Moita cativaría tamén ían axudar, ou andaban por aí, vendo e argallando. Era un deses traballos que tiñan algo de festa. Na praia Grande, pola mañá, ten habido ata catro boliches. O Manjúa, o Manco, o Moliños, e o Canjalleiro.
Imaxes relacionadas: